Operadores de Noruega de calda en calda por Galicia

Un grupo de representantes dos principais operadores turísticos especializados en turismo de saúde de Noruega visitan estes días a Comunidade galega co obxecto de coñecer a súa oferta termal no ámbito dunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Asociación Balnearios de Galicia.

Os participantes nesta viaxe representan respectivamente as compañías Vin & Matglede, Eurotravel, Sør Vest Reiser e Senior Travel. Ademais, acompáñaos nesta viaxe un  xornalista do xornal Østfoldavisen.

Os operadores turísticos noruegueses chegaron onte e fixeron unha visita a Tui, vila histórica cuxo casco antigo foi declarado conxunto histórico- artístico no ano 1951. E coñeceron o balneario de Cuntis, así como o hotel Termas de Cuntis.

Hoxe venres, os axentes turísticos de Noruega farán un tour pola cidade de Lugo, con visitas á Catedral de Santa María, á praza Maior, á Domus de Mitreo e á Muralla Romana, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2000. Logo deste percorrido pola cidade, os visitantes achegaranse ata o Balneario de Lugo, onde poderán coñecer as súas instalacións así como as termas romanas situadas no complexo termal.

Mañá sábado, os operadores turísticos visitarán a Ribeira Sacra, destino turístico que aspira a converterse en Ben Patrimonio da Humanidade e que alberga a meirande concentración de cenobios e mosteiros de Galicia. Na súa estadía en Galicia, o próximo domingo, está previsto que os operadores turísticos noruegueses se acheguen ata as Rías Baixas para visitar a vila de Sanxenxo, a praia da Lanzada e Cambados, ademais de embarcarse nun pequeno cruceiro pola Ría de Arousa.

Xa pola tarde, os visitantes de Noruega trasladaranse á cidade de Santiago de Compostela para visitar a Catedral e as súas cubertas. Logo, achegaranse ata o Hotel Balneario de Compostela, en Brión, para coñecer as súas instalacións e recursos termais. A estadía dos operadores turísticos noruegueses rematará o luns, día 21 de setembro, cando partirán cara os seus lugares de orixe.