Calabreses coñecen a Galicia pesqueira

Unha delegación da rexión italiana de Calabria visitou esta pasada semana Galicia para coñecer de primeira man a realidade do sector marítimo pesqueiro da nosa Comunidade. O grupo estivo formado por 8 pescadores e por representantes dos Grupos de Acción Costeira (GAC) e do goberno rexional deste territorio do país transalpino.

Os membros da delegación italiana coñeceron artes de pesca selectivas, como a cacea e o curricán, e visitaron distintos proxectos financiados polo Fondo Europeo de Pesca nos GAC do Golfo Ártabro e de A Mariña-Ortegal.

Entre as iniciativas seleccionadas atopábanse conserveiras artesanais de bonito e algas, proxectos innovadores como a granxa de cultivo de corais, de turismo mariñeiro e accións de diversificación das confrarías de pescadores, como a rehabilitación do patrimonio dos pósitos de Miño e Pontedeume e as accións desenvolvidas neste eido na localidade luguesa de Burela (Barco Museo Boniteiro Rey del Carmen, actividades de diversificación das redeiras, Restaurante A Marquesa e pescadería turística O Almacén do Peixe).


A presenza deste colectivo procedente de Italia enmárcase no proxecto de Cooperación Transnacional “Shades”, centrado no desenvolvemento das zonas costeiras e no que participan 6 Grupos de Acción Costeira de Calabria e outros GAC de Lituania e Polonia, así como o galego Golfo Ártabro en calidade de asociado.