VONTADES MUDAN TEMPOS

Vontades mudan tempos e viceversa. E ocorre que en Galicia tamén, no tocante nesta fase histórica ás administracións locais, concellos e deputacións como referencia.

O cambio, o relevo está a producirse, canda a aparición deste número de HG&T, e vai traer algunhas modificacións inevitables na xestión da res publica local e, polo que a esta publicación ocupa, na atención, programación e promoción de todo o relacionado co turismo, case nada, o 11 por cento do Produto Interior Bruto (PIB). Un asunto de maior contía, definidor de pautas sociais e culturais neste tempo e garante do negocio hostaleiro e hoteleiro e colindantes. Dito sexa de paso, o do Camiño de Santiago vai por outros derroteiros na súa espléndida dimensión ecuménica, aínda que agora apareza baixo o epígrafe Turismo de Galicia -alguén caeu na conta de que o termo axencia sobraba- e moito se insistiu no I Encontro Mundial de Asociacións do Camiño de Santiago en Galicia, que acaba de celebrarse en Compostela, nos perigos de asociar turismo a peregrinación e Camiño.

Mais estábamos na fase de cambio que asoma nas administracións locais galegas e Maiormente en todo o referido ao turismo, ao lecer e ás súas inevitables dimensións económicas, sociais e culturais. Eses cambios van facer desaparecer do primeiro plano a algúns personaxes donos dun legado en case nada reivindicable. A algún aludimos no editorial no número anterior, o 194, e non precisamente en clave eloxiosa. Naquel momento descoñeciamos o que podían dar de si os comicios locais e a capacidade de mangoneo dos muñidores das omnipresentes redes clientelares.

Sabiamos que algún deses persoeiros buscaba a pelota fuxindo pola banda para intentar centrar, ou centrarse, en misión case imposible. Sabiamos asimesmo do mal exemplo do tempo perdido, nomeadamente na capital de Galicia, unha desfeita local resumida en: tres alcaldes en catro anos e pouco máis…

Sabiamos tamén doutros feitos noutros espazos municipais, en Lugo e en Ferrol, por citar dous casos de facer axeitado no sector importante que nos ocupa e no que esta publicación ten a súa razón de ser e existir. Sería moi desexable que o seguido, o imitable fosen estes ronseles positivos, construtivos e non aqueles outros que, mesmo ao seu pesar, sempre transmitiron a imaxe de estar onde estaban para servirse e apenas para servir. Tanta paz leven eses vultos como alegría deixan.

Sería desexable que os novos xestores, por mareas vivas impulsados, limpasen praias a prazas, rúas e despachos e alumeasen ideas e propostas para a mellor promoción e proxección de Galicia, que ten no turismo en xeral -e particularmente no Camiño, en milenaria, mundializada e revitalizada dimensión- instrumentos esenciais para que a súa partitura vibre cos sons da mellor tradición no gran teatro da modernidade.

Sería desexable, mais haberá que esperar. Cando este número entra no prelo, aínda non están constituídos os novos órganos de goberno de concellos e deputacións. É tempo de esperanza e aquí queda o noso voto de confianza. En cen días teremos algunha idea dos proxectos que mareantes e mariñeiros diversos teñen deste sector relevante para esa Galicia que vai en nós e que nos leva, Salvador García Bodaño dixit.

Saberemos tamén se hai quen se apunta a aquel un paso adiante e outro atrás, Galiza, plasmado por Xosé María Díaz Castro. Ao abeiro de dous poetas galegos relevantes, quixeramos pensar que os que asoman, canda as mareas, han ser bos tempos para a lírica turística. Queremos pensalo. Polo ben do sector e de Galicia, a Iacobusland, terra de Santiago, das vellas crónicas. 
¡Bo camiño a todos!