Para o período 2014-2020 Galicia conta con
máis millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural
(FEADER) que ao inicio do programa anterior (2007-2013), xa que de 856 millóns
pasamos a 889,9, o que supón un aumento dun 4% en tempos de restrición. Así o explicou no
Parlamento a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, en resposta a unha interpelación sobre este tema.
Rosa
Quintana sinalou que neste caso negociouse ben no contexto estatal, xa que no
gasto FEADER por habitante Galicia é a quinta comunidade autónoma que máis
fondos recibe, con 323,9 euros por habitante, e supera nun 86% a media de
España, situada en 173,7 euros/habitante.
A
titular do Medio Rural e do Mar insistiu tamén en que na nosa Comunidade houbo
un amplo proceso participativo para impulsar este programa, con múltiples
xuntanzas con axentes do rural e dúas específicas con todos os interesados,
celebradas os días 2 e 18 de xullo de 2014, ás que cómpre engadir a de
lanzamento da consulta xa o 7 de novembro de 2013.