Un Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos

Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela asinaron hoxe un convenio de colaboración para a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela.

Ante a necesidade de ofertar un espazo de benvida aos peregrinos e mellorar e incrementar así a capacidade de acollida de Santiago de Compostela, Turismo de Galicia, a través deste acordo de colaboración, financiará  a rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas”, situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell, para acoller este centro de peregrinos.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia durante a sinatura do convenio, na actualidade, Galicia conta cunha importante rede asistencial ao longo dos distintos camiños e unha ampla rede de albergues pero carece dun centro de referencia para os peregrinos na meta do Camiño.  Neste senso Nava Castro sinalou que “a creación deste Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos comprace unha vella aspiración dos peregrinos que cando chegaban ao final do Camiño non atopaban un lugar onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos”.

Grazas á achega de Turismo de Galicia levarase a cabo a redacción do proxecto básico e de execución, a realización das obras de rehabilitación da edificación e a limpeza e adecuación dos xardíns existentes na parcela.