O Plan Xeral de Explotación Marisqueira da Xunta de Galicia para
o ano 2015 inclúe como novidade a explotación da holoturia Holothuria forskali
ante a incipiente demanda comercial. Esta especie, coñecida popularmente en
Galicia como carallo de mar, enmárcase dentro do grupo dos equinodermos e está
presente nas augas do noso litoral. Na explotación deste novo recurso
participarán 7 embarcacións da confraría de pescadores de Cangas.
A Holothuria forskali é unha das 47 especies de holoturias
que se coñecen en Galicia dende a zona litoral ata os 3.000 metros de
profundidade. Captúrase e comercialízase en máis de 70 países de todo o mundo e
é explotada pola pesca industrial, semi-industrial e artesanal nas rexións
polares, templadas e zonas tropicais. As holoturias comercialízanse
evisceradas, fervidas, salgadas e secadas. Tamén é habitual o seu consumo en
cru ou en diversas preparacións culinarias e o procesado dalgunhas das súas
partes para a elaboración de produtos delicatessen.
Este documento establece unha serie de normas para realizar
a actividade extractiva do marisqueo e da recolección de algas; como por
exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo. É dicir,
establece o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na Comunidade
galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta os datos e
informes científicos dispoñibles.