De Bande a Celanova polo camiño de San Rosendo

Os concellos de Celanova, Bande e Verea, estarán presentes na Feira da Cultura Galega (Culturgal), que se celebrará na cidade de Pontevedra os vindeiros días 5, 6 e 7 de decembro, a través do Obradoiro de Emprego “San Rosendo. Segue o camiño...”, centrado na empresa e ámbito económico para xestionar a iniciativa privada desde unha perspectiva turística. Con este obradoiro preténdese potenciar o turismo como motor de desenvolvemento económico das comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia.
No mesmo os tres concellos estarán identificados coa marca turística “Terras de Rosendo”, coa que o obradoiro de emprego propón identificar no campo do turismo ás dúas comarcas definidias no xeodestino “Terras de Celanova-Baixa Limia”.
Entre os contidos que serán trasladados a Pontevedra, destaca información sobre o Camiño de San Rosendo, que estes concellos teñen proposto incluír no mapa dos Camiños de Santiago como un ramal de interior do Camiño Portugués.

O camiño Natural de San Rosendo é unha vía que une Porto Quintela e Ourense, que foron algúns dos lugares máis representativos na vida de San Rosendo. Durante o seu percorrido podemos descubrir magníficos exemplos do patrimonio das “Terras de Rosendo”, como Santa Comba de Bande ou Mosteiro de San Salvador de Celanova.