Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo

Expertos destacados sobre peregrinacións tratarán este fenómeno histórico e cultural no I Congreso Internacional de Peregrinacións e Turismo. O Congreso reunirá a 350 participantes dende mañá, 17 de setembro, ata o 20 de setembro no Hostal dos Reis Católicos.

O primeiro congreso sobre peregrinacións e turismo, avalado pola Organización Mundial de Turismo (OMT), conta cun total de 35 poñentes de primeiro nivel, procedentes dos cinco continentes e de todos os ámbitos relixiosos, combinando especialistas académicos, profesionais do sector turístico, das administracións públicas relacionadas coa materia, etc. que ofrecerán no seu conxunto unha visión xeral do turismo de peregrinacións a nivel mundial. Entre outros, Adel El Gendy, Claudio Ricci, Alison Hillard, Paolo Caucci von Saucken e Marcela Bacigalupo encontraranse na capital de Galicia para deleitarnos co seu coñecemento.


O acto inaugural celebrarase mañá mércores 17 ás 17’30 horas, coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Borrego; o secretario xeral da Organización Mundial de Turismo, Taleb Rifai; e o arcebispo de Santiago, Julián Barrio.