O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a
Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establece o réxime de
axudas á apicultura e se convocan para o ano 2014. Estas axudas teñen por
obxecto o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e
comercialización dos produtos da apicultura. A Consellería destina a estas
axudas unha achega de 400.000 euros.
Poderán ser beneficiarios os titulares de
explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade,
organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no
rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de
xaneiro de 2013.
Os solicitantes deberán dispoñer dun seguro de
responsabilidade civil, ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas,
ter realizada a declaración censal anual referida ao ano 2013 e realizar polo
menos un tratamento ao ano fronte a enfermidade da varroase. Entre os gastos
subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a
loita contra a varroase ou a racionalización da trashumancia.