Galicia: Máis de 70.000 visitantes en FITUR

A directora de Turismo, Nava Castro Domínguez, comunicou hoxe en rolda de prensa que o stand de Galicia en Fitur superou os 70.000 visitantes durante os cinco días que durou a XXXIV edición do certame. En total 167 países e rexións participaron nesta edición do certame que, segundo comunicou a propia organización da feira, superou os 220.000 asistentes.

En total foron máis de 70.000 persoas as que pasaron neses días polo stand institucional do Turismo galego en Fitur. O stand de Galicia en Fitur 2014 tamén foi o punto de encontro entre os profesionais do Turismo galego e os operadores nacionais e internacionais. Os profesionais que acudiron á feira mantiveron máis de mil xuntanzas de traballo nas dependencias da área de traballo para profesionais construída ao efecto no stand de Galicia, ademais dos numerosos encontros que se puideron manter noutras dependencias do recinto.

No recinto de degustación de produtos gastronómicos galegos no stand da comunidade servíronse 750 quilogramos de produtos galegos. Por este recinto pasaron arredor de 5.000 persoas ao longo dos días de feira. Este servizo estivo atendido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia.


Segundo explicou a directora de Turismo, os 18 informadores turísticos que atenderon o stand institucional de Galicia na feira distribuíron un total de 200.000 folletos e outro material de promoción. Polo stand de Galicia en Fitur 2014 puideron pasar arredor de 150 medios de comunicación de Galicia, do resto de España e internacionais.