Turismo de Galicia organiza en colaboración
co Instituto Cervantes de Toquio un ciclo de cinema galego no que se
proxectarán seis filmes entre os días 5 de outubro e 20 de decembro. O ciclo, incluído nas accións que se
desenvolven no marco da conmemoración do Ano Dual España-Xapón, ten por
obxectivo ofrecer aos espectadores xaponeses unha visión da paisaxe e da
cultura material e inmaterial de Galicia e do seu carácter.
Seleccionáronse para este ciclo as seguintes
seis películas: Mar adentro, La lengua de
las mariposas, The Way, Romasanta, la caza de la bestia; 18 comidas e O
Apóstolo. Todas elas con forte implicación da paisaxe na súa narración. En
todos os filmes aparecen fitos recoñecibles e propios da paisaxística que
reforzan a autenticidade do territorio, tal é o caso do casco antigo de
Ourense, da aldea de Seceda, dos soutos da Fonsagrada; da praia das Furnas; as
prazas circundantes á catedral de Santiago; o mercado de Compostela; etc.
Doutra parte, son películas cun alto contido emocional que facilita a
identificación dos espectadores cos personaxes e os escenarios.
O ciclo contará con dúas sesións de cine
fórum impartidas por un profesor do Instituto Cervantes para os xaponeses teñan
maior coñecemento da historia e o contexto cultural que teñen as películas do
ciclo.
Ademais, crearase un espazo de web onde se
poderán coñecer as localizacións das rodaxes cinematográficas (Movie Map), as
anécdotas das rodaxes e a información turística dos escenarios de cada película
en castelán e en xaponés.