Esta mañá presentáronse en Santiago os I Premios Galegos da
Música Martín Códax. O acto, que tivo lugar no Consello da Cultura Galega,
contou co respaldo de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Anxos Riveiro,
concelleira de Cultura de Pontevedra; e María Garrido, directora de Marketing
de Martín Códax; que xunto con Xacobe Martínez Antelo, voceiro de Músicos Ao
Vivo (MAV), coincidiron na necesidade destes galardóns que veñen a cubrir un
baleiro no panorama cultural galego e que segundo Antelo “van servir para
recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións
musicais galegas; revelar novos talentos da escena e achegar a música e o seu
proceso de produción ao público”.
A convocatoria, promovida pola Asociación de Músicos Ao Vivo,
está aberta a todos os proxectos musicais de Galicia ou fora de Galicia pero
feitos por músicos galegos. Desde hoxe ata o 20 de outubro está aberto o prazo
para inscribir candidaturas nas 13 categorías que se convocan a través da web
www.premiosgalegosdamusica.com.