O Inorde promove Ourense Exporta

Na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas tivo lugar hoxe a presentación da web “Ourense Exporta”, unha plataforma dixital que ten como obxectivo aglutinar empresas ourensás para favorecer iniciativas de internacionalización e exportación. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Elías Mera; do xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e do profesor Jim Driscoll, coach do estado de Texas (EEUU), quen visita estes días a provincia de Ourense para achegar os seus coñecementos no ámbito da exportación e importación en Estados Unidos.

O obxectivo desta plataforma (ourenseexporta.com) é converter a un número significativo de pemes ourensás en exportadoras regulares e facer da exportación unha actividade cercana, cotiá, rendíbel e duradeira no tempo. Preténdese amosar nos mercados exteriores todo o potencial exportador da provincia de Ourense.

A ferramenta, que está aberta ao conxunto das empresas e dos parques da provincia, buscará alcanzar forte representatividade -nunha primeira fase- entre as máis de 500 sociedades con sede no Polígono de San Cibrao, no Parque Tecnolóxico de Galicia ou nos parques empresariais de Pereiro de Aguiar e Barreiros, cos que a Deputación asinou en xuño de 2012 o Proxecto de Internacionalización de Empresas.