A Xunta promociona o Camiño en Australia

A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de desenvolver en Australia unha campaña de promoción e posta en valor do Camiño de Santiago no marco dunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo e na que tamén participa institucionalmente a Universidade de Santiago de Compostela. A directora xerente do Xacobeo, Camino Triguero, encabezou a representación institucional da Xunta de Galicia nesta campaña. Desde o ano 2004, no que se rexistraron oficialmente 480 peregrinos australianos, a progresión de Australia é constante na clasificación de nacións que máis peregrinos aportan, ocupando actualmente o posto número 16.

Nesta acción promocional, Triguero mantivo diversos encontros con autoridades e responsables locais de institucións relacionadas co turismo e a cultura. Ademais, na súa estancia en Australia, Camino Triguero impartiu diferentes charlas dirixidas ao público en xeral e levadas a cabo na Universidade Nacional de Australia en Camberra e na Universidade de Melbourne, organizada polo consulado xeral de España. Nestas conferencias, a directora xeral expuxo o concepto e historia das peregrinacións a Santiago e a súa universalización e actualidade para responder á espectacular expectación que o fenómeno xacobeo está a suscitar en Australia e en toda Asia en xeral.