A Xunta aproba o decreto que regula o potencial de produción vitícola

O Consello da Xunta aprobou o decreto da Consellería do Medio Rural polo que se regula o potencial de produción vitícola de Galicia. Coa aprobación desta norma establécese un marco normativo para protexer o equilibrio territorial e produtivo acadado por este sector en Galicia. O regulamento tamén prevé o apoio á viticultura tradicional galega -que conta cun gran predominio de pequenas explotacións familiares-, así como a defensa dunha verdadeira política vitícola de calidade.


En termos de mellora e cambio coa situación previa, a norma dispón uns obxectivos estratéxicos. O primeiro consiste en preservar o patrimonio vitícola de Galicia, dentro do seu ámbito rural, ambiental e turístico. En segundo lugar, pretende nutrir a reserva autonómica de dereitos de plantación de viñedo para a súa posterior distribución entre os viticultores que os soliciten. Tamén recolle a potenciación da utilización e actualización do Rexistro Vitícola de Galicia (RVG).


No seguinte punto, figura a promoción e desenvolvemento sustentable do cultivo da vide, preservando as mellores tradicións galegas dentro deste campo. E, finalmente, fixa a redución de carga administrativa nos procedementos incluídos no decreto.

A regulación do potencial de produción vitícola é un dos instrumentos esenciais para acadar o equilibrio do mercado vitivinícola no marco da Organización Común do Mercado (OCM) na Unión Europea.