A 67 edición da Volta Ciclista a España percorrerá máis da metade dos concellos de Pontevedra, provincia que, segundo anunciou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, acollerá tres etapas e albergará unha caravana que ocupará 1.200 prazas hoteleiras durante catro noites. A carreira chegará á provincia o domingo 26 de agosto dende Cataluña. O luns 27 será día de descanso no que se celebrarán adestramentos. O martes 28 terá lugar a décima etapa da Volta, entre Ponteareas e Sanxenxo e o mércores, a undécima, unha contrarreloxio individual que terá a saída na cambadesa Praza de Fefiñáns e a meta en Pontevedra. Xa o xoves 30, a Volta sairá dende Vilagarcía de Arousa con dirección á provincia da Coruña.Louzán destacou a importante repercusión que o evento deportivo terá tanto no sector da hostalería como en promoción e difusión das Rías Baixas. De feito, o logo do Padroado de Turismo estará presente, o vindeiro 11 de xaneiro, no acto de presentación da carreira.