Un restaurante nas minas de San Fins, en Lousame

A Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 256.000 euros na rehabilitación dunha edificación que será transformada nun café bar e restaurante nas Minas de San Fins en Lousame, na provincia da Coruña. Esta acción será financiada con fondos FEDER, dentro do programa ‘Axuda á mellora dos servizos turísticos: recuperación arquitectónica de inmobles para uso turístico’.


Deste xeito, a Consellería de Cultura e Turismo realizará esta actuación nas Minas de San Fins co obxectivo de potenciar o uso turístico deste espazo histórico que contribuirá a dinamizar este municipio. É importante recordar que este lugar é un espazo mineiro de características destacadas en Galicia grazas á excepcional conservación das instalacións e a maquinaria que alí se encontran. Pola súa banda, o Concello de Lousame encargarase da xestión, mantemento e conservación do café bar restaurante, e comprométese a garantir o seu funcionamento por un período mínimo de cinco anos.