A concelleira de Economía, Comercio, Turismo e Mercados de Santiago, Reyes Leis, presentou a nova aplicación para dispositivos móbiles de Turismo de Santiago, na que se condensa toda a información de interese turístico da cidade, incluído un innovador sistema de xeolocalización, que permite aos usuarios orientarse pola cidade e situar os recursos turísticos, como hoteis, restaurantes e monumentos.Esta nova aplicación, desenvolvida pola empresa Sinaptika, constitúe un importante paso adiante respecto da aplicación anterior, que se presentou en abril deste ano. Entre abril e decembro, a aplicación tivo máis de 2.500 descargas, procedentes dunha ampla variedade de países, grazas a que está dispoñible nos sete idiomas nos que tamén está a web oficial de Turismo de Santiago.
A nova aplicación, aínda que conserva a mesma base tanto en deseño como en contidos, ten agora versións tanto para os dispositivos de Apple como para os que empregan Android, de tal xeito que "agora ampliamos substancialmente o número de usuarios potenciais", indicou Reyes Leis, así como a presenza da cidade neste novo espazo tecnolóxico para a información e a promoción turística.