O Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, acollerá o 13 de decembro o seminario Xestión Sanitaria en Acuicultura: Aplicacións Biotech. O obxectivo deste seminario é amosar como o emprego das ferramentas biotecnolóxicas pode contribuír a mellorar a xestión sanitaria dos animais en acuicultura. Ademais con esta xornada o Cetmar busca crear un foro de encontro entre a investigación e as empresas, favorecendo deste xeito a transferencia de coñecementos e tecnoloxía.
Durante o seminario, os expertos farán referencia a cuestións como as enfermidades de moluscos e peixes de maior impacto económico no sector, destacando entre outros a importancia das aplicacións biotecnolóxicas para diagnosticar as enfermidades de xeito mais preciso e rápido ou á evolución das vacinas tradicionais cara ás vacinas recombinantes, que son máis específicas e eficaces. A primeira das intervencións será Enfermidades de interese zootécnico en moluscos bivalvos e dela encargarase o investigador Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia. Das enfermidades de interese zootécnico en piscicultura falará Alicia Estévez Toranzo, da Universidade de Santiago de Compostela.