A restauración galega comprométese con PescadeRías

A Consellería do Mar promocionará a marca PescadeRías en 36 establecementos da hostalería das catro provincias galegas, entre os que están todos os paradores da comunidade galega e oito dos establecementos que posúen as estrelas Michelín coa que conta Galicia. A conselleira, Rosa Quintana, presentou esta iniciativa que se enmarca no convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia (Cehosga).

A través da adscrición á marca PescadeRías, estes establecementos ofrecerán nas súas cartas un produto diferenciado que acredite correctamente a súa orixe e calidade. Segundo explicou a conselleira, amosarán a calidade en dúas vías, xa que, por unha banda, os produtos certificados con este selo, teñen garantida a seguridade alimentaria e a trazabilidade, e pola outra, esta certificación garante que o produto consumido polo cliente foi pescado e vendido dentro das 24 últimas horas. Ademais, Rosa Quintana engadiu que PescadeRías reforzará a súa imaxe nos restaurantes a través da presenza de material promocional, que consistirá en 4.000 folletos e 10.000 etiquetas identificativas para as cartas.

En canto ao produto certificado con este selo, cabe destacar que a cifra se incrementou significativamente, pasando de 600 toneladas certificadas no primeiro semestre do ano 2009 a máis de 1.500 toneladas no mesmo período de 2011.