Produtos ecolóxicos en Arzúa e capóns en Vilalba

Dúas son as principais citas desta fin de semana. Por unha banda, na localidade coruñesa de Arzúa celébrase a VIII edición da Feira Ecolóxica, unha aposta polo respecto á Terra, a educación ambiental e a posta en valor da cultura tradicional, tamén a gastronómica. “Reducir, reciclar e reutilizar” é o lema deste ano.

E xa netamente gastronómica é a outra cita que propoñemos para esta fin de semana. Trátase da afamada Feira do Capón de Vilalba (Lugo), na que se porán á venda uns mil douscentos exemplares. Uns 60 criadores levarán á capital chairega os seus mellores capóns, que presidirán a bo seguro moitas mesas galegas este Nadal. Espérase que acaden prezos entre os 80 e os 100 euros. En torno ás 12.30 horas terá lugar un dos momentos máis agardados, coa entrega dos premios ao mellor criador, mellor cesta e mellor pan. Porque en Vilalba haberá algo máis que capóns.