Os datos de ocupación da Ponte da Constitución enfrontan aos hostaleiros galegos

Unhas declaracións do presidente de Cehosga, Héctor Cañete, sobre os datos de ocupación da pasada Ponte da Constitución volveron poñer de manifesto as diferenzas existentes entre as distintas asociacións existentes en Galicia. Cañete sinalou que a ocupación en Santiago alcanzou o 73%; en A Coruña, o 60,85%; en Vigo, o 59%; en Ourense, o 57,90%; en Ferrol, o 57,60%; en Lugo, o 56,40% e en Pontevedra, o 56,30%.

Sen embargo, semella que estes datos non se corresponden coa realidade. Alomenos iso din dende diferentes cidades galegas. En Santiago, o flamante presidente de Aloxamento en Hostelería Compostela, José Manuel Otero, asegura que na capital de Galicia a ocupación foi do 40% e pregúntase de onde saca Cañete os datos que publica. “Cehosga non contrasta os seus datos con ningún outro colectivo de Galicia. Nin cos hosteleiros da Coruña nin cos de Vigo, nin con nós”, afirma.

Tamén se amosan críticos na Coruña, onde o presidente de Hospeco, Francisco Canabal, asegura que os datos que ofrece Cehosga non son fiables porque, segundo afirma, a súa asociación chamou a algúns empresarios coruñeses para saber se Cehosga os chamara para pedirlles os seus datos de ocupación e a resposta, en todos os casos, foi negativa. Canabal sostén que a ocupación na Coruña non foi superior ao 36%, fronte ao 60% que apunta Héctor Cañete.

En Lugo, os datos ofrecidos pola Asociación Provincial de Hostelería tamén difiren dos aportados por Cehosga pois quedaron, de media, nun 26,22% de ocupación.