Organizacións ecoloxistas impulsan un mercado alternativo en Compostela

Baixo o lema “Para consumir sen nos consumir”, diversos colectivos ecoloxistas e sociais impulsan un mercado alternativo que se celebrará na praza do Toural compostelana o vindeiro xoves. Con esta iniciativa, os organizadores pretenden respostar á tradicional chamada ao consumo e ás necesidades “artificiais” xeradas nestas datas. Neste mercadiño de Nadal non só se poderán facer compras senón tamén aprender a darlle unha segunda vida aos envases, profundizar na cultura do troco e mesmo aprender a facer xabón ecolóxico. Haberá tamén produtos de comercio xusto.

Unha iniciativa semellante foi a que se celebrou esta fin de semana en Arzúa, a VIII Feira Ecolóxica Terractiva, que contou cun éxito de público. Milleiros de visitantes amosaron o interese crecente que existe na sociedade galega pola bioconstrución, a enerxía solar, as terapias alternativas e os produtos ecolóxicos, entre outros sectorers.