O golf en Galicia, recurso en alza

Galicia vén de ser nominada como un dos seis mellores destinos emerxentes de Turismo de Golf no ámbito internacional, dentro do marco da feira International Golf Travel Market (IGTM), celebrada este ano en Turquía, e que congrega anualmente aos membros da Association of Golf Tour Operators (IAGTO), o colectivo máis importante do mundo no que atinxe á comercialización do Turismo de Golf. Este recoñecemento, segundo explica a Xunta, outórgase pola Asociación Internacional de Escritores e Xornalistas de Viaxes de Golf, International Golf Travel Writers Association, a través dos votos de 159 xornalistas especializados de l33 países de todo o mundo. Xunto a Galicia, estaban nominadas Bulgaria, (gañadora da final), Islandia, o estado norteamericano de Mississipi, Colombia e India.

Os criterios de selección para a concesión deste premio baséanse na extensión do destino emerxente, as cualidades que fan deste un destino interesante para a práctica do golf, o atractivo da zona e os seus campos, a calidade e accesibilidade dos campos de golf, a calidade dos aloxamentos turísticos, a empatía dos seus profesionais, a relación calidade-prezo, a axilidade do xogo nos campos de golf e o clima rexional.