Novembro horribilis en Santiago

A asociación Hostelería Compostela fixo públicos os datos correspondentes á ocupación do mes de novembro, que poñen de manifesto a notable caída rexistrada con respecto a outros anos. Así, en novembro de 2011 acadouse unha ocupación media en hoteis do 33,69%, o que representa dezanove puntos menos que a cifra acadada no mesmo mes do pasado ano. Hai que ter en conta aquí que 2010 foi Ano Xacobeo, pero o dato de novembro de 2011 é o peor dos últimos nove anos (inicio da estatística que ofrece Hostelería Compostela). A caída é de 2,5 puntos con respecto a novembro de 2009; de 6 puntos con respecto a 2008 e 2007; de 3 puntos con respecto a 2006; de 11 puntos con respecto a 2005; de 21 puntos con respecto a 2004 (Xacobeo) e de 14 puntos con respecto a novembro de 2003.

Os establecementos que máis padecen a crise son os hoteis de 5 estrelas, onde se rexistra una caída de ata corenta puntos con respecto a novembro de 2010. Séguenlles os hoteis de 3 estrelas, onde a caída ronda os 19 puntos.

No que respecta ás pensións de 3, 2 e 1 estrelas, a caída xeral é de 19 puntos con respecto a 2010, sendo as pensións de 3 estrelas as que rexistran un descenso maior (27 puntos).