Marisco en Mañón, castañas en Folgoso do Courel e artesanía en A Pontenova

O municipio coruñés de Mañón celebra a popular Festa do Marisco, que cumpre xa a súa vixésimo terceira edición. O punto álxido da celebración é Porto do Barqueiro, onde se instalou unha carpa na que se celebra a degustación. O prezo por ración é de 12 euros e inclúe, como obsequio, un prato e vaso de cerámica conmemorativo.

Outra das citas gastronómicas da fin de semana é a Festa da Pisa da Castaña de Folgoso do Courel. Celébrase este sábado a partir das 12.30 horas, cando se procederá ao encendido e demostración de uso e funcionamento do sequeiro e á demostación do Pisado e Abandoxado da castaña. En torno ás 14.00 horas, o dramaturgo Quico Cadaval ofrecerá o pregón, que dará paso ao xantar, con produtos elaborados a partir da castaña seca. Durante toda a xornada tamén haberá exposicións de artesanía e fotografía, ademais de actuacións musicais.

E unha cita máis heterodoxa é a que nos presenta o Concello de A Pontenova, onde esta fin de semana se celebra a quinta edición da Feira de Artesanía e Antigüidades. Impulsada pola Deputación, reúne sesenta expositores, artesáns e anticuarios de Galicia, Asturias, Castela e León, Cataluña e Andalucía. Á parte da exposición e venda de produtos artesanais, haberá demostracións en vivo de olería, cestería, carpinteiría, xoiería, coiro ou vidrio, entre outras. Agárdase que en toda a fin de semana pasen pola Pontenova unhas cinco mil persoas.