Guerra al furtivismo

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, comisaron 1.600 quilos de diversas especies e incautaron 648 útiles de pesca entre o 28 de novembro e o 4 de decembro.
O operativo máis salientable desenvolveuse en Ferrol o pasado sábado. Os axentes requisaron unha cacea de 30 nasas de madeira e 8 caceas de 175 pezas de trasmallos, que corresponden a 8.750 metros, por estar sen identificar. Tamén comisaron 173,5 quilos de vieira, 69 quilos de centola e 29 quilos de choco, zamburiña e peixe variado. Todo este material atopábase dentro dos aparellos requisados. Outra actuación levada a cabo na ría ferrolá saldouse coa incautación dunha cacea de 60 nasas de ferro e 20 pezas de miños e o comiso de máis de 8 quilos de nécora, centola e polbo.


As actuacións levadas a cabo na Ría da Coruña deron como resultado a aprehensión de 623 quilos de peixe e marisco e de 107 aparellos. Na Costa da Morte os axentes comisaron 39 quilos de varias especies e 240 anzois, por estar sen identificar. Na ría de Muros-Noia os inspectores se aprehenderon de 190 quilos de ameixa e berberecho, por non acadar a talla comercial. Na Ría de Arousa os axentes desenvolveron varias inspeccións que se saldaron co comiso de 451 quilos de diversas especies e a incautación de 16 nasas de camarón. Pontevedra e Vigo tamén foron escenario de diversas actuacións que tiveron como resultado a aprehensión de preto de 44 quilos de centola. A maiores os gardacostas realizaron inspeccións na cadea de comercialización en Ourense e Lugo, nas que confiscaron 13 quilos de congro, por talla antiregulamentaria, e lumbrigante, por estar en veda.