A experiencia do CSHG viaxa a Exipto

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, participou en Madrid no acto de presentación da escola hostaleira ABO Korkas Hotel Training Center, que contará co asesoramento do departamento de Consultoría & Formación do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, en colaboración coa Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID). Este centro abrirá as súas portas en setembro de 2012 cun marcado carácter social, co que se pretenderá ofrecer unha oportunidade de desenvolvemento a aquelas persoas especialmente desfavorecidas e con baixos recursos na área de influencia de El Minya. Coa creación deste centro conseguirase ademais atender as necesidades do tecido empresarial turístico e hoteleiro exipcio, permitindo formar a mozos da rexión en profesionais cualificados.

O CSHG, a través do seu departamento de Consultoría & Formación, vén traballando dende hai nove anos no ámbito da cooperación internacional para o desenvolvemento en colaboración coa AECID. No caso concreto da ABO Korkas Hotel Training Center, o CSHG encargarase do asesoramento integral para a planificación e a posta en marcha do Centro.