Constatada a contundente vitoria electoral do Partido Popular, o sector turístico-hostaleiro tomou posicións, empezando por reclamar ao novo goberno que presidirá o noso veciño Mariano Rajoy, dotar ao turismo de maior rango, como mínimo unha secretaría de Estado exclusiva “potente, con influencias transversales y con recursos para reaorganizar su gobernanza”, en verbas de Exceltur. Cremos que se queda curta esta alianza para a excelencia turística. O peso do Turismo en España merece un ministerio, máis alá de reforzar a secretaría prexistente.
Cómpre revisar as principais medidas anunciadas polo PP para o sector turístico nos seus compromisos electorais. Un decálogo que empeza polo de sempre, un plan integral de turismo -se ben máis adiante compromete a aceleración do Plan de Turismo 2020- que segue pola ansida simplificación da lexislación e o procedemento administrativo que promete melloras no tratamento fiscal para as pymes que reinvirtan os beneficios en potenciar a competividade.
Alcanza o compromiso a priori da nova maioría absoluta, o favorecer a reconversión integral de zonas turísticas e degradadas, e o impulso do desenvolvemento tecnolóxico das pequenas empresas turísticas, xunto co desenvolvemento de plans específicos de desenvolvemento e promoción para formas de “alto potencial desestacionalizado”, en colaboración coas empresas. Implica que recursos como o turismo náutico, deportivo e de natureza, incluíndo o cinexético, e o cultural, metendo no paquete o gastronómico e enolóxico, van ter atencións especiais.
O decálogo do PP apunta á facilitación de trámites nos consulados de España en países emisores, a potenciación da imaxe de España como destino turístico de calidade, e accións dirixidas a potenciar a imaxe de España como destino turístico seguro, coidando que así sexa.
Estes compromisos semellan confluir no proxecto de crear un Ministerio de Economía e Turismo, un lóxico binomio, coherente coa consideración de ”primeira industria nacional” que ten o noso sector, prácticamente a única a salvo da crise que actualmente non cesa.
Non está entre esas medidas preferentes, pero si comentadas polo propio Rajoy, a posibilidade de atenuar a chamada Lei do tabaco. Sería un paso atrás na protección da saúde, pero un término medio entre a prohibición total vixente, e a volta á fórmula mixta (establecementos con espazos reservados para fumadores) podería ser unha solución que contente a mouros e cristiáns.