O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este mércores no Concello de Viveiro o libro “Camiño do Mar”, unha publicación baseada na investigación do historiador focense Xoán Ramón Fernández Pacios, coa que o organismo provincial pretende impulsar o recoñecemento oficial desta ruta xacobea por parte da Xunta. A Deputación editou medio milleiro de exemplares do volume, froito de “varios anos de intenso e rigoroso traballo” de Fernández Pacios sobre un itinerario “tan pouco estudado como tan maioritariamente coñecido”, asegurou Besteiro.Este é de feito o primeiro libro que recolle todo o inventario documental existente co que queda certificado o Camiño do Mar foi unha auténtica e importante ruta utilizada polos peregrinos na súa viaxe a Compostela. Ademais de documentos escritos, o “fascinante e revelador estudo”, engadiu o presidente, inclúe máis de 200 fotos e abondosos mapas que describen todos os tramos do Camiño do Mar.
Este itinerario une Ribadeo e Ferrol, poboación na que comeza un dos ramais do Camiño Inglés e co que se une ata chegar a Compostela, percorrendo concellos que teñen en común o feito de ser costeiros, de aí o nome de Camiño do Mar. A ruta conta con tres alternativas de entrada: unha terrestre, dende Ribadeo, que vai pola beiramar ata Compostela; outra marítima, que leva consigo o percorrido en barco chegando ata os portos lugueses e seguindo logo a terrestre; e unha terceira ruta –a de regreso– na que os peregrinos volvían sobre os seus pasos para chegar de volta aos portos, e dende eles embarcar aos seus países de orixe.