Cultura remodelará o miradoiro de Cotarro na Ribeira Sacra

A Consellería de Cultura e Turismo destinará un total de 176.794 euros para a remodelación no concello lucense de Sober do miradoiro sobre o canón do río Sil que actualmente recibe o nome de Cotarro I e que pasará a denominarse Cividade. Esta actuación de posta en valor será posible tras a aprobación hoxe no Consello da Xunta dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Sober que permitirá potenciar o atractivo turístico e patrimonial deste enclave natural. A actuación será financiada ao con fondos FEDER e FCI.


En virtude do acordo, a Consellería de Cultura e Turismo encargarase de contratar os informes, proxectos obras e direccións de obras que sexan necesarios para o desenvolvemento das actuacións no miradoiro Cotarro I-Cividade, que consistirán na reforma da fachada e nunha nova pérgola. Pola súa parte, o Concello de Sober porá áa disposición da Administración autonómica a parcela do Monte Camilo, no lugar da Cividade, para levar a cabo as obras de remodelación.