O Concello de Laracha presenta o proxecto Mar de Caión, ao abeiro das achegas concedidas polo Grupo de Acción Costeira 3, da Costa da Morte, co obxectivo de impulsar o turismo mariñeiro. Pero ademais, a iniciativa busca crear oportunidades económicas a través do desenvolvemento de diferentes accións como a creación de tres rutas de sendeirismo que poden seguirse con audioguías e a instalación de tótems multimedia con información da vila. Outras das accións realizadas no marco deste proxecto foi a creación dunha rede de hostaleiros con imaxe propia coa que se busca promover a gastronomía local e a difusión e promoción do proxecto na rede a través da web propia www.mardecaion.com e da presenza nas redes sociais.O proxecto Mar de Caión supón un orzamento total de máis de 142.000 euros, dos que o 90% está subvencionado polo eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca. O principal obxectivo da iniciativa é transformar Caión nun espazo de interese, no que os visitantes prolonguen a súa estancia nesta vila mariñeira e aumenten os motivos para visitala. A iniciativa tamén busca promover a conservación e o respecto polos recursos mariños, a pesca sostible e o recoñecemento do labor dos mariñeiros contribuíndo á competitividade do sector pesqueiro, xa que este plan xera unha maior demanda local de produtos do mar para abastecer ao sector hostaleiro, o que podería propiciar máis descargas de peixe no porto local.