Comeza a programación de ‘Inverno de Entroido’

O Plan de Competitividade Turística Portas de Galicia, no que participa a Consellería de Cultura e Turismo, pon en marcha o programa ‘Inverno de entroido no oriente ourensán’, co fin de ofrecer propostas turísticas atractivas utilizando os produtos máis representativos desta zona. Ademais da Secretaría Xeral para o Turismo, participan tamén nesta iniciativa Turespaña, a Asociación de Municipios das comarcas Conso-Frieiras e Monterrei, e a Asociación de Empresarios de Hostelería Portas de Galicia. Nesta proposta, o Entroido e o inverno son sinónimos, pois coa integración neste produto turístico de servizos e entroidos de 12 municipios ourensáns, o calendario amplíase no tempo e a cantidade de actos programados, abarcando desde a mesma noite de Ano Novo ata entrado o mes de marzo. Para incentivar as visitas, se a reserva se fai antes do 31 de decembro o desconto é do 20%.

Existen ata catro propostas turísticas que inclúen sesións de spa, rutas polas adegas da DO Monterrei ou o descubrimento dos produtos máis enxebres e as festas gastronómicas máis senlleiras desta comarca, como a da androlla de Viana do Bolo. Os menús-degustación e de entroido oscilan entre os 20 e os 35 euros por persoa.