Case un millón de persoas visitaron Galicia en 2010 atraídos pola súa cultura, medio natural e patrimonio

A celebración do Ano Santo Compostelán de 2010 influíu de xeito notorio nos movementos turísticos de carácter cultural en Galicia. Así se recolle no estudo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, difundido este mércores. O informe mostra que dende 2006 non se obtén un dato tan positivo de visitas de residentes en España (574.200), case 90.000 viaxes máis que en 2009. Deste xeito, Galicia é a sexta comunidade autónoma preferida polos turistas culturais españois. Estes datos constitúen o 16% do total das viaxes de recreo, ocio ou vacacións e un 7% sobre o total xeral de viaxes.

As visitas a Galicia da poboación doutras comunidades españolas supuxo uns ingresos de máis de 227 millóns de euros, sendo a terceira comunidade autónoma que absorbeu unha maior contía neste tipo de viaxes de carácter prioritariamente cultural, só por detrás de dous grandes polos de atracción turística: Andalucía e Cataluña. O gasto por cada viaxe acadou os 396 euros en 2010, a maior contía no quinquenio estudado.

Por outra banda, o estudo recolle que foron algo máis de 460.000 os turistas estranxeiros que viñeron a Galicia principalmente por motivos culturais. Ao contrario do que sucedía cos residentes españois, os peores datos referentes ás entradas e ao gasto total dos visitantes internacionais danse nos anos 2009 e 2010; de feito, en 2010, experimentouse unha significativa baixada en ambos indicadores, polo que se deduce que o ‘efecto xacobeo’ non foi relevante para os turistas estranxeiros que viaxan a Galicia por motivos culturais. Pola contra, o gasto medio destes na comunidade galega aumentou progresivamente ao longo do quinquenio para chegar aos 1.183 euros en 2010.