Adega critica a ampliación da Rede Natura proposta pola Xunta

A Consellería do Medio Rural acaba de facer pública a súa proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que se aprobará en 2012. Do 12% do territotrio en Rede Natura pasaríase ao 15%, “moi por baixo da media estatal (28%) e lonxe do 71% de Canarias”, recorda a asociación ecoloxista Adega. O colectivo sinala que “despois de que nestes 2 anos a Xunta perpetrara unha política de sistemática de demolición da protección da natureza, a Rede Natura deixou de ter sentido como rede ecolóxica e pasou a ser chan barato para a especulación”.

“O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Conservación deberán explicar á sociedade galega por que sendo un dos territorios máis ricos en hábitats e especies prioritarios e de interese europeo do continente, seguimos á cola do estado en territorio protexido”, conclúe Adega.