O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, convida a todos os galegos a que se acheguen a coñecer o Museo de Galicia, a última instalación da Cidade da Cultura que abre as súas portas este mércores. Así, comezan unha xeira de visitas guiadas que culminará coa súa apertura ao público, na segunda quincena de decembro. Sen embargo, haberá que agardar ata os meses de maio e xuño para a súa inauguración oficial da man da exposición Gallaecia Petrea.Roberto Varela asegurou que o Museo de Galicia “é un espazo moi versátil, concibido para acoller exposicións de gran formato, pensadas para o gran público e que terán unha duración de 4 a 6 meses”. Con todo, subliñou que “non se descarta a posibilidade de incorporar algunha mostra permanente, non pechamos ningunha porta”.
As visitas a este novo edificio son de balde e teñen lugar todos os días agás os luns entre as 12.00 e as 18.00 horas. Os interesados poden reservar a súa praza en www.cidadedacultura.org.