Tapas, castañas e cociña micolóxica enchen a fin de semana

Esta fin de semana que comeza volve estar marcada pola gastronomía máis típica do outono. Na localidade coruñesa de Negreira continúan a celebrarse o III Outono Micolóxico, que se prolonga ata o luns. Este sábado terá lugar unha saída ao monte para recoller setas e o domingo, abrirase unha exposición nas casetas do Pazo do Cotón. O luns, pola súa banda, haberá unha charla sobre identificación das diferentes especies.

Saltamos a O Valadouro, onde se celebra o tradicional Magosto este sábado. A cita contará coa presenza do gastrónomo Miguel Vila e dos televisivos Benigno Campos e Tomás Alonso (Larpeiros). No que respecta á degustación, ademais de castañas haberá liscos, chourizos, pan, viño e queimada.

Outra cita coa gastronomía do outono atopámola en Folgoso do Courel, que celebra a XXIV Festa da Castaña. O pregón correrá a cargo do escritor Xesús Manuel Marcos. Na degustación, os asistentes poderán comer castañas asadas acompañadas de viño.

Outras dúas atractivas iniciativas para a fin de semana teñen que ver co tapeo. En A Estrada celébrase a programación Tapéalle Cogumelos, na que participan unha ducia de establecementos da localidade. E en A Guarda seguen coa III Ruta da Tapa, organizada por Ábaco. Ambas iniciativas prolongarase ata o día 27 de novembro.