Premio para a campaña de promoción de Galicia

A organización da feira de turismo Intur de Valladolid vén de premiar a campaña de publicidade para a difusión da primeira marca do Turismo da Comunidade galega, Galicia, gárdasme o segredo? como “mellor campaña publicitaria de Turismo Interior”. Este galardón será entregado no marco do decimoquinto aniversario do certame turístico (do 24 ao 27 de novembro en Valladolid), no que a organización da feira distingue ás empresas, colectivos e institucións que ao longo dos últimos anos apoiaron o desenvolvemento do Turismo Interior en España.

Segundo o xurado, “trasladar ao viaxeiro a esencia dun destino é un reto, no que a creatividade ten que ir da man da sensibilidade”, e así, con campañas como Galicia, gárdasme o segredo?, “Turgalicia transmite ilusión por descubrir eses segredos”.