Precaucións en tempo de cogomelos

É tempo de cogomelos e, con tal motivo, a Consellería de Sanidade fai unha serie de recomendacións de cara á súa recollida e consumo. Así, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública lembra que, se ben existen en Galicia especies de cogomelos comestibles moi apreciadas na gastronomía, tamén hai outras que son tóxicas e mesmo moi tóxicas, e poden chegar a resultar mortais, polo que saber distinguir os cogomelos antes de comelos é fundamental.

Ante a dúbida á hora de identificar un cogomelo, Sanidade insiste en que o mellor é non recollelo. Por iso é importante que as persoas inexpertas apañen os cogomelos acompañados dun experto. Ademais, hai que procurar non mesturar as especies no mesmo cesto; non recollelos despois de grandes choivas ou días de moita auga, xa que isto pode modificar as súas características e dificultar a súa identificación; e non transportalos en recipientes pechados ou bolsas plásticas, para evitar que fermenten.

Os cogomelos recollidos deben consumirse o máis pronto posible, non en grandes cantidades –debido a que o seu alto contido en celulosa, en xeral, fainos indixestos- e sempre cociñados. Así mesmo, débese gardar un exemplar no frigorífico, xa que pode ser de utilidade para os médicos en caso de intoxicación.

Por último, dende a Consellería de Sanidade apélase a non facer caso de falsas normas ou tradicións sobre o recoñecemento de cogomelos que non teñen base científica, como que son comestibles todos os que crecen na madeira ou no prado, os que aparecen roídos por animais salvaxes ou os que cheiran ben ou teñen cores agradables, porque todas estas crenzas son erróneas.