A conselleira do Mar, Rosa Quintana, avanzou hoxe no Parlamento que a súa Consellería contará con 178,6 millóns de euros para o ano 2012, un 1,7% máis que no pasado exercizo. Deles, 102 millóns serán executados en forma de investimentos ou axudas para as empresas e profesionais do eido marítimo-pesqueiro. A esta cifra deben engadirse os 40 millóns que serán investidos pola Consellería nas infraestruturas e servizos destinados ao sector.Unha das principais partidas -29,3 millóns de euros- destinarase aos eidos da acuicultura e a mitilicultura, duplicando así a partida do ano anterior. “Este esforzo permite acompasar a faceta investidora á decidida planificación normativa e administrativa que se está a levar a cabo e que cadra coa liña proposta por Europa neste eido”, dixo a conselleira.
A conselleira salientou o seu compromiso para erradicar o furtivismo, cun incremento dun 15% dos fondos destinados ao funcionamento dos helicópteros e dos buques empregados na loita contra esta actividade ilegal. Ademais considerou xustificada a incorporación de 22 veterinarios “polas implicacións comerciais e sanitarias do furtivismo, como puidemos ver no caso da vieira tóxica”, o que supón 857.000 euros máis de gasto en persoal.
A conselleira definiu o presuposto da Consellería como comprometido co sector.