O linguado busca a súa consolidación como especie de acuicultura

O Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, acolle este venres un seminario para abordar a situación do cultivo do linguado e a súa consolidación como especie de acuicultura. A xornada, que leva como título “Dietas Sustentables no Cultivo de Peixes Planos”, está organizada polo Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

O linguado é unha das especies de acuicultura á que se dedicou un maior esforzo nos últimos anos a fin de consolidar o seu cultivo. A maioría dos traballos realizados ata o momento centráronse fundamentalmente no linguado senegalés (Solea senegalensis) e, actualmente, toda a produción industrial do linguado que existe en España -204 toneladas en 2010- é desta especie. Estímase que esta produción vaia ter un gran incremento nos próximos anos coa construción de varias plantas de cultivo, o que pode converter ao linguado senegalés nunha das principais especies da piscicultura mariña en España.