O Gaiás acolle o I Foro Internacional de Espazos para a Cultura

O I Foro Internacional de Espazos para a Cultura abre as súas portas este martes, convertindo ao complexo do Gaiás na capital mundial da cultura de vangarda. Non en van, entre os convidados ao congreso destacan representantes de institucións internacionais do nivel do MoMA. Con eles estarán importantes institucións galegas como as universidades de Santiago e A Coruña ou centros museísticos como a Domus ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña.

Esta primeira edición abordará temas como o papel dos centros culturais como atractivo turístico ou dinamizadores económicos, entre outros. A conferencia inaugural ía correr a cargo de Ismail Serageldin, director da Biblioteca de Alexandría, pero a situación que vive Exipto nestes días impide a súa participación no evento. Será o presidente da Xunta, entón, quen abra as ponencias. O encontro prolongarase ata o xoves.