Mar impulsa o consumo do mexillón galego en 53 restaurantes de toda Galicia

A Consellería do Mar impulsa o consumo do mexillón galego e as súas posibilidades culinarias en 53 restaurantes de toda Galicia a través das II Xornadas Gastronómicas do Mexillón de Galicia, que se desenvolverán ata o 22 de decembro. Esta iniciativa está enmarcada no convenio de colaboración coa Confederación de Empresarios de Hostelería de Galicia (Cehosga) e conta coa participación do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia.

Os establecementos participantes na campaña identifícanse mediante carteis e diverso material promocional. Este material inclúe o lema das xornadas, “Aquí ofrecémoslle unha fonte de pracer”, e tamén estarán dispoñibles nas oficinas de turismo, xa que outro dos obxectivos das xornadas é proporcionar un atractivo aos turistas, visitantes e público en xeral a través do mexillón, segundo sinala a Xunta.

Os establecementos de hostalería participantes ofrecen nas súas cartas e menús un mínimo de dúas receitas diferentes que teñen como principal ingrediente o mexillón galego. Este ano, a campaña presenta como novidade a celebración dunha xornada en Oporto para restaurantes e comercializadores do norte de Portugal, na que se lles informará sobre as características e singularidades do cultivo do mexillón nas nosas rías, as garantías de control sanitario que ofrecen e así como as súas propiedades gastronómicas. Tamén haberá unha degustación para que os responsables e xefes de compra dos centros de restauración do país veciño coñezan de primeira man as múltiples posibilidades de preparación que ofrece o mexillón galego.