A Consellería do Mar amplía en 3.281.099,59 euros o importe de axudas para a paralización definitiva dos buques de baixura incluidos no Plan de Xestión Integral da pesca de baixura do caladoiro Cantábrico Noroeste. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde na que se especifica o importe que se amplía para a convocatoria de 2011 co obxectivo de incrementar o número de beneficiarios e así axeitar os recursos dispoñibles á capacidade da frota pesqueira, seguindo o establecido pola Política Pesqueira Común.
O incremento súmase á cantidade de 2.999.600 euros destinada para tal fin na convocatoria de 2011, segundo a orde do 21 de decembro de 2010. Deste xeito, en total, a Consellería do Mar destina 6.280.699,59 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca, a esta convocatoria específica para a baixura. Cabe lembrar que, en xeral, a frota de baixura non tivo oprtunidade de acceder ás axudas pola retirada da actividade pesqueira ao longo destes anos , polo que, con esta ampliación de crédito téntase dar unha resposta a alta demanda de solicitudes presentadas.