Homenaxe gastronómica a Cunqueiro

Galicia está a celebrar, a través de diferentes iniciativas, o 100 aniversario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. E a gastronomía, como non podía ser menos, está a ter un peso especial. Dentro deses actos de homenaxe, o vindeiro día 26 terá lugar, en Santiago de Compostela, unha celebración gastronómica “única”, como definen os seus promotores-colaboradores (Consello da Cultura Galega, Hostelería Compostela e María Fechoría).

Os actos comezarán ás 11.00 horas, no Consello da Cultura Galega, onde o xornalista e escritor Miguel Vila impartirá a ponencia “Álvaro Cunqueiro e a gastronomía galega. Unha literatura interpretada”. Unha hora despois, Manuel Gago e Antonio Portela realizarán unha cata guiada ás terras e viños galegos que o mindoniense tanto amou, e buscarán unha relación entre aqueles viños e augardentes e os que se elaboran na actualidade. O lugar será a sala de catas de Hostelería Compostela.

En torno ás 13.15 horas, os participantes desprazaranse ao restaurante Acio, onde Iago Castrillón, chef de Vilanova de Lourenzá, ofrecerá un petisco e un viño inspirados no territorio do imaxinario cunqueirán. Unha hora despois, no restaurante Pedro Roca, o grupo gozará dunha “Antoloxía gastronómica de Álvaro Cunqueiro”, na que participarán o propio Pedro Roca, Marcelo Tejedor, Flavio Morganti e Chef Rivera. Entre outras exquisiteces, poderanse degustar un Lacón trufado con ovo fiado, Ostras en escabeche, Risotto de vaca vella ou Perdiz ao espeto.