A Feira das Industrias Culturais Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra do 2 ao 4 de decembro, dará un papel protagonista á gastronomía. Farao a través de diferentes actividades como un obradoiro de cociña infantil, un xantar literario ou a presentación de varios libros. Ademais, un espectáculo de monicreques alertará dos perigos da obesidade infantil; os responsables do Abastos 2.0 e o fotógrafo Ramón Escuredo presentarán a súa proposta no Off Cultural e os cociñeiros Pepe Solla e Xosé T. Cannas (Pepe Vieira) participarán, xunto con Uqui Permuy, nun dos encontros profesionais enmarcados no Foro.Un dos pratos fortes desta cuarta edición do Culturgal será o Xantar Literario, que ofrecerán aos seus lectores e lectoras Pepe Cáccamo, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo e Xesús Fraga. O menú estará composto pola tortilla segundo receita de Cáccamo, a empanada de millo e croques de Casalderrey, o peixe sapo en receita de Docampo e unha sobremesa elaborada segundo as indicacións de Fraga. O prezo do comensal é de 30 euros e as prazas son limitadas.