A Comisión de Industria e Turismo do Parlamento debatiu este martes dúas propostas do PSdeG-PSOE e o BNG sobre os aeroportos galegos, e ambas foron rexeitadas. A primeira delas, asinada pola voceira socialista de Turismo, María Quintas, pedía que o Parlamento instara á Xunta a elaborar un Plan de axudas conveniado cos aeroportos galegos, “que permita incentivar a chegada de turistas nacionais e internacionais”.A este respecto, a voceira popular, Natalia Barros, sinalou que “a maior conectividade aérea directa de Galicia foi no 2010 e mesmo a Comisión Técnica do Comité de Rutas acordou reproducir no 2011 como mínimo ese mapa de rutas, que supuxo un record acadado por Galicia en canto ao número de destinos internacionais directos”. Barros reiterou a “lealdade” da Xunta co Comité.
Pola súa banda, a proposición non de lei presentada polos nacionalistas referíase especificamente ao aeroporto de Vigo. O BNG urxía ao Parlamento a que instara á Xunta a “efectivizar os acordos adoptados por esta Cámara en setembro de 2010. Deste xeito, o Goberno galego asumira o compromiso político e económico co desenvolvemento do aeroporto da cidade de Vigo que entre outras medidas implica a efectivización do Plan Estratéxico do aeroporto de Peinador”.
A voceira do PPdeG, Natalia Barros, insistiu en que “para o Goberno galego, Galicia é unha cidade única, cun aeroporto e tres terminais e actúa con criterio de país e non localista”. Os PP reitera o seu compromiso de “efectivizar os acordos parlamentarios e promover dentro da Comisión Técnica do Comité de Rutas a definición dos compromisos para a efectivización do Plan Estratéxico do Aeroporto de Peinador”.