De tapas por Mondoñedo e Sarria

O eslogan “E para comer, Lugo” toma corpo estes días en dous concellos desta provincia. Mondoñedo e Sarria prepáranse para acoller senllos concursos de tapas cos que procurarán encher os establecementos hostaleiros. En Mondoñedo, o certame chega á súa quinta edición e celebrarase do 25 ao 27 de novembro. Contará coa participación de catorce locais do municipio, con tapas con nomes tan suxestivos como Parella de San Fermines, Empanada feita na verza, Delicias da Catedral ou Lembranza ás San Lucas. Os clientes que voten pola mellor tapa optarán ao sorteo dun vale de 100 euros para gastar nos establecementos participantes.

En Sarria, o concurso celebrarase do 5 ao 10 de decembro, coa participación dunha trintena de establecementos hostaleiros. O Tapicheo 2011, que tamén cumpre a súa quinta edición, está organizado polo Concello de Sarria e a asociación gastronómica O Porco Cebado. Ofreceranse dous tipos de tapa: a tradicional e a innovadora, a un prezo que oscilará entre os 0,20 e os 2 euros.