As adegas da Ruta do Viño do Ribeiro celebran a súa II Xornada de Portas abertas, coincidindo co Día Europeo do Enoturismo

O día 12 de novembro os visitantes do territorio do Ribeiro terán a oportunidade de coñecer os segredos das adegas máis emblemáticas dunha das Denominacións de Orixe máis antigas de España. Este día abrirán as súas portas, en dúas sesións pola mañá e dúas pola tarde, ofrecendo visitas guiadas as instalacións e a posibilidade de degustar os viños da súa produción, nun entorno cheo de tradición e cultura vitícola.

Este ano a celebración desta Xornada de Portas Abertas, coincide co Día Europeo do Enoturismo instaurado pola Rede Europea da Cidades do Viño (RECEVIN) en 2009 co obxectivo de conseguir unha difusión internacional do turismo do viño de xeito simultánea en todos os países europeos.
Esta actuación enmárcase na necesidade actual de valorar e promocionar os territorios como activos económicos rendibles; de conseguir unha posición competitiva no mercado dos territorios - produto; de reforzar as estratexias de sensibilización intra e intersectoriais, e finalmente de estimular a innovación comercial cara o turismo do viño.

Os visitantes non só poderán visitar as adegas da Ruta do Viño do Ribeiro senón que terán a posibilidade de descubrir a riqueza desta paisaxe, as excelencias da gastronomía ou as múltiples posibilidades dos recursos naturais que fan deste territorio un destino único onde Vivir a Maxia do Viño. Así, a Asociación Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, abrirá as portas da Rectoral de Santo André de Camporredondo para expoñer ao público o proxecto do Futuro Museo do Viño de Galicia. Ademais, a Oficina de Turismo de Ribadavia ofrecerá información específica sobre as adegas visitables, o proceso de produción do viño, ou as aldeas históricas do viño.