Arrinca a Cata de Meles e Queixos de Galicia

Este mércores arrinca -no compostelán CIFP de Lamas de Abade- a cata anual de meles e queixos de Galicia, que organiza a Consellería do Medio Rural en colaboración cos consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e as catro denominacións de orixe protexidas queixeiras.

Os meles poderán concursar en dúas categorías: a Categoría A, que abarca calquera dos meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, silveira e breixo) incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia e a Categoría B, correspondente aos meles multiflorais. Pola súa banda, os queixos que se presentan a concurso deben ter unha maduración, no momento da cata, de entre 15 e 20 días nos casos do Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa; entre 45 e 60 días para San Simón da Costa e, no caso do Cebreiro, ter unha maduración mínima de 2 días.

As catas continuarán mañá xoves, mentres que os gañadores coñeceranse no transcurso dun acto público que se celebrará en Melide o vindeiro 1 de decembro, baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo.